Sunday 19 de May de 2024

A Xunta participa nun foro sobre envellecemento activo organizado pola cámara municipa de Maia e o Comité das Rexións


Jesús Gamallo asistiu a este evento, que se celebrou no marco do traballo da comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX)

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, asistiu hoxe á reunión que o alcalde de Maia, Antonio Bragança Fernandes, organizou no marco do traballo da comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) do Comité das Rexións, no eido do envellecemento activo e saudable.

A reunión puxo o acento sobre o tema desde un punto de vista local, eurorrexional e europeo e serviu para poñer en valor a nova Estratexia Galega de Envellecemento Activo desde a Innovación 2016-2020, na que está a traballar a Xunta. Na reunión de Maia, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE lembrou que esta estratexia xurde coa vontade de dar resposta ao incremento da esperanza de vida media na nosa Comunidade Autónoma, que se sitúa nos 86 anos fronte aos 82 da media nacional.

Cooperación Territorial
Ademais, Gamallo aproveitou o encontro para tratar con Antonio Bragança Fernandes, o alcalde de Maia, asuntos de cooperación transfronteiriza e interrexional. Galicia está especialmente implicada na mellora da cooperación territorial, e de maneira singular, na cooperación transfronteiriza, como avalan os máis de 25 anos de experiencia da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e a súa aposta ao poñer en marcha unha das primeiras Agrupacións Europeas de Cooperación Territorial (AECT) eurorrexionáis da Unión Europea.

Nun contexto como o actual, a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e a cooperación institucional, política e económica entre Galicia e Portugal teñen unha especial importancia. Apostar pola complementariedade da economía, a cooperación de proximidade e a planificación do traballo conxunto son instrumentos útiles para dinamizar a actividade económica.

A comisión CIVEX
A comisión CIVEX do Comité das Rexións, na que Galicia participa, encárgase de políticas de cidadanía activa, inmigración e relacións exteriores, entre outras. O Comité das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. Está composto por 350 membros, 21 dos cales son españois. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE.